Os anos

Os anos van pasando. E deitan tenrura nas xemas dos dedos, pero tamén deixan o pouso amargo das lembranzas idas. Sen tempo, tantas veces, para refacer as pontes que levou o río, a corrente segue arrastrando follas e polas, as areas do fondo e mesmo os coios. Nos dedos fuxe a auga e fican calafríos pola friaxe deste inverno e pola paixón dos amores idos e dos retornados.

Os anos van dando algo de fondo á ledicia do noso corazón canso. E van afastando o balbordo dos fracasos. Pero non agochan a mágoa do perdido, os camaradas idos e  o líquen nas paredes da alma.

Victoria

As veces gañamos. Como os rapaces esta mañá. (É curioso: nunca gostei do fútbol. Nin para xogalo nin para velo. E agora ando a percorrer a contorna de Vigo cada sábado atrás dos partidos de Mateo).

A victoria é fermosa cando é froito do traballo e da colaboración de moita xente. Cando hai ledicia polo triunfo e respecto por quen perde. E máis, como é o caso, cando chega logo dun inverno longo, de andar de derrota en derrota sen perder a esperanza, camiñando sempre cara á luz.

Perdón

O perdón é moito máis importante en días coma hoxe, en que a carraxe é a primeira reacción, para deixar paso despois á vinganza. Cómpre desarmar antes que nada o pensamento e logo os sentimentos. Porque non é posible enfriar os sentimentos sen ter a cabeza fría. Pero, antes que todo, está o corazón, que debe latexar con nobreza e con paixón.

Cando tratamos de facer as cousas ben, e recibimos en troques os golpes da vida, resulta difícil falar de perdón. Pero a nosa única victoria é saber perdoar. Ainda que doa. Para recuperar a alegría.

Saber rematar

“É máis difícil rematar, que escribir un novo verso” F. Nietsche Also sprach Zarathustra

Non é doado. Porque unha vez que estamos, xa non queremos parar. Fixémolo ben un tempo. Foi ben ao principio… E logo, as cousas fóronse deteriorando: un día non saíron, outro estragáronse cando xa estaba case terminado. Comezou a faltar a alegría, roubárannos o entusiasmo. Como quen estraga un amor maduro entre a rotina e o desalento. Así tamén nas relacións profesionais, tamén cando estamos coa xente, temos que dar o mellor de nós e xa non estamos para iso.

Pero cómpre estar atentos a ese deterioro insidioso que asexa nos recantos das cousas e no devalar das horas. Convén estar alerta cando falla o pulso e os compromisos fondos, cando xa só parece ficar a lembranza do que fomos e as letras a fin de mes.

Acaso sexa mellor acabar de vez e comezar de novo que continuar cunha angueira que xa non é a nosa. Porque queda aínda luz de abrente para quen a queira ver. Pero moita noite para quen prefire a tebra.

Erros

Cometemos erros. Algúns son simples equivocacións, problemas coas palabras ou cos conceptos que designan, interpretacións incorrectas ou discordantes. Neses casos, a pouco que falemos entre nós, con algo de humildade e con ganas de arranxalo, a auga volve ao rego e podemos continuar o camiño sen graves perdas.

Outros erros lévannos fóra de todo da rota que tiñamos marcada, deixa o camiño sen compaña, o rumbo sen búxola, e o terreo sen mapa. Poden ser as nubes do horizonte ou as tebras da noite. As máis das veces son erros propios e alleos, en que as distancias, ao principio imperceptibles, vanse agrandando co paso do tempo. Comezan nun desvío pequeno que logo se converte dun abismo fondo. Nestes erros non paga a pena contar o tempo que tardemos en volver ao rego. Conta, nada máis, a capacidade de volver a ter xente coa que estar e un camiño que andar.

Pero hai outros erros máis complexos. Son aqueles que nos afastan do camiño sen facer que o perdamos. Os que nos fan perder unha parte das lealtades e dos rostros que estaban canda nós, ficando a outra parte. Nunca saberemos de todo quen tivo máis culpa (se de culpa se trata); e cada quen terá que avaliar con coidado a responsabilidade que lle corresponde ao fin da xornada. Non é posible soñar cun camiño completamente novo; pero tampouco podemos continuar, sen máis, por onde andabamos.

Vivir

Cando a vida te vai afacendo a ver a miseria de perto, e a ila transformando en dignidade e en xustiza, cando a vida che concede a graza de poder contribuír a resolver problemas, por veces chegas a pensar que xa non hai nada capaz de sorprenderte.

Pero a vida non deixa nunca de sorprendernos. E, lonxe de permitirnos dicir que sabemos resolver problemas sociais, a penas nos deixa considerar que estamos acompañando ás persoas que os sofren. Por veces, toman decisións acertadas, conseguen recursos, contan co noso apoio, con esa fe inquebrantable nas capacidades da xente, e con redes de apoio no seu contorno… e teñen algún éxito na vida. Son cousas pequenas, que poden parecer insignificantes, pero que apuntan na dirección da transformación persoal, do equilibrio social e de algo que semella felicidade. Pero outras veces, seica  non existen fíos dos que tirar, o chan falla baixo os nosos pés e tamén debaixo dos seus, as persoas carecen de confianza nas súas posibilidades e fan que tamén nós comecemos a desconfiar.

Daquela, aparecen pequenas raiolas que fan albiscar a esperanza. Non solucionan nada, pero permiten con poidamos continuar ese camiño compartido.

Vivir.

Á procura da bitácora

O que sexa unha bitácora é cousa que non podo contar aínda, eu que non fun mariñeiro e que estou a piques de naufragar no intento de adentrarme no mar.
Pero sei que na escrita quedan rumbos e tentativas que apuntan xornadas e horizontes, rumbos e derrotas.
Fun demasiado lonxe, acaso, á procura da palabra perfecta. E o vento aloumiña o lombo do mar sen facer xamais dúas ondas iguais… Cal será a perfecta? As miúdas da brisa da tarde ou as da furia do trebón?
Chega a hora de ir contando o que acontece ao ritmo do debalo da marea e dos chirlos das gaivotas.

O sector de acción social

En Galicia, logo de anos atascados sen unha mala rede que nos representase como sector de acción social, de súpeto decatámonos de que debíamos estar xuntos, actuar xuntos, e presentarnos xuntos diante da sociedade e das Administracións Públicas. Non foi un camiño doado. E, acaso, tivo moito que ver darnos de fociños contra a crise.

Pero agora vivimos unha lúa de mel entre organizacións diversas, pola súa configuración, pola súa traxectoria, polos seus obxectivos, polos seus credos e valores. Imos da man no que debemos. Sabemos competir polos recursos sen crebar a solidariedade.

Incluso máis. Fomos convocados a unha reflexión conxunta sobre o Terceiro Sector de Acción Social en España… e vemos que algo estamos a facer ben, que parte do camiño xa estaba andado. Son froitos temperáns dun esforzo serodio. Cómpre camiñar con humildade, para sermos quen de avanzar un novo treito. Está nas nosas mans!

A expulsión

A expulsión dos romaníes búlgaros e rumanos por parte das autoridades francesas, que ten comezado xa, é unha das novas máis preocupantes desta década desde o punto de vista da convivencia intercultural.
Cando foi a Italia de Berlusconi, país cun claro déficit democrático, gobernado por forzas da extrema dereita máis ou menos recovertidas á democracia liberal, parecía un problema moi localizado no espazo.
Logo viñeron os tempos das persecucións da poboación romaní en Centroeuropa (Hugría, Chequia, Eslovaquia…). E parecía que a falta de traxectoria democrática deses países podía explicar o que estaba pasando.
Pero agora é Franza, o país da Liberdade, da Igualdade e da Fraternidade, quen emprende un proxecto de limpeza étnica máis propia da República de Vichy que do espírito do xeneral De Gaulle.
¿Que ven a seguir?

Limiar

Cando comecei, todo parecía florecer. Sen embargo, había sinais de inverno. Non era claro se avanzaba o día ou se viña a noite. Mellor, era a alborada dun día novo; pero ninguén sabía o que había de traer. Pode que paz, solidariedade e desenvolvemento para os pobos da terra. Pero tamén pode que guerra, miseria e sufrimentos.
Importaba aclarar onde andaba cada quen. Sobre todo, para camiñar xuntos os construtores da paz.
Entendo que aqueles anos de crecemento económico leváronnos a pensar que as cousas andaban soas. E non foi así.
Agora que a corga dos tempos trae a auga a este rego de crise e de incerteza, convén recuperar os ollos do abrente, albiscar os sinais e arriscarse a errar, todo con tal de erguer unha humanidade nova.

A %d blogueros les gusta esto: