Daquela a viña ocupaba o espazo que vai do monte do Castro ao río Arnoia. Os socalcos gapearan pola ladeira coas unllas dos homes cavadas entre a pedra e a terra para gañar uns metros de fertilidade sobre as costas cansas do Val de San Vicente. O suor regou o bacelo ata sangrar un viño novo que dese vida ao noso sangue.
Os antergos fixeran un curral. Por quendas levabamos o gando para pasar alí un mes. Servía para facer esterco ao lado da viña e non ter que subilo por unha costeira na que o carro no subía.
Agora fican as paredes núas nunha curva da estrada. Un enorme carballo asombra a Sapeira de arriba. Uns castiñeiros tímidos non se atreven a formar un souto… Pero os loureiros corren lixeiros polas penas arriba desde o fondal do val, procurando no curuto a luz que o vento norte lles nega.