Un canto pacifista para un Nobel de Literatura

A educación para a paz, como calquera outra educación da sensibilidade, necesita de certos himnos, cánticos e símbolos que transcenden aos seus autores e forman parte do patrimonio colectivo de quen aspiramos a outras formas de convivencia, tan posibles como necesarias para o futuro da vida humana no planeta.

Non todo o que premia a Academia Sueca debe ser bo necesariamente. Nin abonda un premio para considerar inspirador a un autor. E, mesmo así, desde os meus anos de rapaz fun educado en certas preguntas cuxas respostas están zoando no vento:

 

Cantas estradas ten que camiñar un home

Antes de que lle chames home?

Cantos mares ten que sucar unha pomba branca

Antes de durmir na area?

Cantas veces teñen que voar as balas de canón

Antes de ser para sempre prohibidas?

A resposta, meu amigo, está zoando no vento

A resposta está zoando no vento

 

Cantos anos pode existir unha montaña

Antes de ser lavada polo mar?

Cantos anos poden existir algunhas persoas

Antes de que se lles deixe ser libres?

Cantas veces pode un home vira a súa cabeza

E finxir mesmo que non ve?

 

A resposta, o meu amigo, está zoando no vento

A resposta está zoando no vento

 

Cantas veces ter que erguer un home a ollada de home

Antes de que poida ver o ceo?

Cantas orellas ten que ter un home

Antes de que pode ouvir chorar á xente?

Cantas mortes  serán necesaria

Ata que el comprenda

Que demasiadas persoas morreron?

 

A resposta, o meu amigo, está zoando no vento

A resposta está zoando no vento

Bob Dylan – Blowin’ in the wind

Colombia e a política do odio

Este luns triste para a causa pacifista faime reafirmar no que escribín o venres, na antevéspera do referendo de paz para Colombia. Álvaro Uribe encabezaba o bloque que defendeu a política do odio, da vitoria militar, da amnesia para os paramilitares e da guerra total co apoio do exército máis poderoso do mundo contra unha guerrilla que en tempos foi revolucionaria e acabou buscando a supervivencia física dos seus integrantes, mesmo por medios moralmente execrables. En fronte, un presidente Santos que xogaba o seu futuro político ao éxito da paz, e un pobo canso da violencia civil.

O odio, insisto á vista deses 60.000 votos que separaron os soños da realidade dunha guerra cruel, sobre todo para os máis pobres,  roe as entrañas da utopía e devora os soños. É unha canga que os vencedores cargan ás nosas costas.

En Colombia e aquí, tornemos aos camiños do perdón para ser libres.

Deporte e política

A protesta de Feyisa Lilesa, o etíope que foi segundo no maratón de Río, cruzando a meta cos brazos ergueitos en aspa, deu voz ao conflito político que se vive no seu país, Etiopía, entre o goberno da minoría tigrés e as maiorías oromo e amhara. Feyisa é oromo, e as protestas comezaron entre a súa xente. Trataban de impedir a expropiación das súas terras para a expansión da cidade de Adis Abeba. Os intensos procesos de éxodo urbano que se viven en África teñen estas consecuencias. Os amhara, a outra tribo que xunto aos oromo constitúe a base da poboación do país, tamén se sumaron ás protestas a pesar da rivalidade secular entre ambas tribos. Entre ambas tribos supoñen sobre o 60% da poboación de Etiopía. O goberno etíope respondeu ás protestas aplicando a lexislación antiterrorista, disparando contra os manifestantes e encarcerando á oposición procedente destas etnias. A situación é incómoda para os Estados Unidos e os países occidentais en xeral, porque o goberno etíope é o seu mellor aliado na rexión, e o muro de protección contra a expansión de Al – Shabbab, coa súa capacidade militar e terrorista tanto en Somalia como en Quenia.

Non é a primeira vez, nin será a última, en que a política irrompe no plano simbólico do deporte. Durante estes últimos días moitas foran as persoas que lembraran a Peter Norman, un branco que se solidarizou coas protestas dos medallistas negros Tommie Smith e John Carlos, nos 200m da olimpíada de México. Pero non debemos esquecer, por molesto que sexa para a maioría, a Masacre de Múnic, durante a olimpíada da cidade bábara, en outono de 1972.

Os xogos olímpicos non son só un escaparate pola presenza da prensa da maioría dos países do mundo e das máis poderosas axencias de noticias. Tamén son unha caixa de resonancia polas connotacións relixiosas e políticas que ten o deporte na actualidade. De feito, non son nada desprezables as análises que propoñen reflexionar sobre o deporte como forma de relixión civil.

A irrupción dunha protesta durante a celebración dos Xogos é vivida polo país das persoas que protestan como unha profanación. Iso é o trazo común entre o xesto de Norma e o de Lilesa. E o que os distancia de actos como o promovido por Setembro Negro en Múnic. Porque non se trata de facer dano ás persoas, senón de criticar ás institucións de forma pública e simbólica. Estes xestos desenmascaran a sacralidade dos países e poñen no centro a sacralidade da dignidade humana.

Política forestal?

Falaba onte co meu pai sobre a vaga de incendios que azouta Galicia estes días. Compartirei aquí as súas reflexións, antes de formular a miña propia.

Co verán máis quente desde que hai rexistros, e sen dúbida entre os máis secos do último século, que comezase o lume era cousa de tempo. Sorprende, máis ben, que non comezase antes.

As autoridades culpan por unha banda aos pirómanos, sen precisar como se produce e se contaxia esta psicose que ten unha dimensión colectiva. E, por outra banda sinalan á poboación por non coidar os montes e por realizar queimas incontroladas. O primeiro é ben certo, e merece unha reflexión pousada. O segundo cada día é menos verdade e non parece estar conectado con ningún dos focos de lume que estiveron no centro da atención colectiva durante estes días.

Pero as propias autoridades, que estableceron normas para implicar á poboación na solución de parte destes problemas, non parecen atopar un camiño adecuado para combinar prevención e extinción. E as decisións respecto dos efectivos dispoñibles (que sufriron recortes) non parecen dar os resultados esperados.

Ora ben, os montes están cheos de broza, non pasa xente por eles. E quen pasa moitas veces vai procurar leña ou árbores enteiras á dos veciños, ausentes, maiores, desinteresados… Son poucas as persoas que teñen verdadeiro interese por conservar o patrimonio forestas.

Meu pai indica que non hai nin pode haber un equilibrio entre a responsabilidade pública e a responsabilidade particular; que son os poderes públicos os que teñen que poñer os medios para comezar a cambiar a situación.

De aí a miña reflexión: o que falta é unha política forestal. Cando eu era neno aínda se falaba do monte como o capital dunha familia, como aquela forma de converter o traballo en aforro dispoñible, pero tamén en forma produtiva que se activa mediante o traballo da familia. Agora o monte descapitalizouse:  a aposta polas especies de crecemento rápido, introducido polos intereses madereiros e polas fábricas de pasta de papel, foi facendo caer os rendementos do monte en relación co traballo invertido. Hoxe os montes que contribuían de forma decisiva á vida das familias, xa non supoñen nada para as economías familiares dos propietarios na maioría dos casos. Ao meu ver, ou as autoridades públicas articulan unha cadea de valor arredor do monte e os seus aproveitamentos (enténdase unha ben diferente da que temos agora), ou os problemas van continuar e vanse agravar. E a cadea de valor ten que articularse desde o punto de vista ecolóxico, económico e de ocupación do espazo, a forma de habitar o territorio.

Un golpe de Estado que pagamos todos

A tentación de cambiar o rumbo dun país manu militari non foi patrimonio exclusivo dos tempos da Escola das Américas en que calquera desviación respecto dos intereses dos Estados Unidos dentro da súa área de influencia recibía como castigo un golpe de Estado.

De feito, os exércitos de diversos países declaráronse garantes do Antigo Réxime, mentres que outros aparecían como os defensores da democracia e do Estado Laico, por poñer só os dous extremos nos que foron capaces de situarse diferentes asonadas militares.

O que ten de peculiar o golpe de Estado fallado do pasado venres en Turquía é o feito de que o vello orde kemalista, fixo un último intento por evitar que o conflito de Siria e a crise dos refuxiados servise para favorecer o ingreso do país na Unión Europea mentres o goberno favorece a completa islamización da sociedade e xeneraliza a corrupción.

O fracaso do golpe, desde logo, vai ter como resultado unha maior corrupción, un menor control social sobre o goberno e un avance decidido na eliminación do Estado Laico e da separación de poderes garantida polo exército. Os militares kemalistas van perder definitivamente o control do exército, que continuará sendo poderoso nas mans dos partidarios de Erdogan. A xudicatura vai ser menos independente, e mesmo van ser purgados os seus membros islámicos partidarios de Fethullah Gülen, os que fixeran de contrapeso ao AKP, tamén islamista e conservador, pero moito máis dados ao abuso do aparato do Estado. Ademais da policía, parece que tamén lle vai tocar ser purgados a outros estamentos, entre os que non se descarta a educación. Por iso chegou a falarse dun golpe de Estado como resposta a outro golpe de Estado.

Está claro que o golpe non parou a deriva autoritaria do AKP e de Erdogan. Só que a reacción é tan autoritaria que Europa debe escoller entre frear a súa alianza e retomar o camiño do diálogo sobre a democracia e as liberdades (se queda algún convencemento ao respecto na Unión), ou modificar as súas normas fundacionais e bendicir o autoritarismo e a vulneración sistemática dos dereitos humanos.

Disimular ou falar de lexitimidade democrática xa non é unha opción.

Unha vitoria de Portugal e outra de Francia

Onte á noite Portugal venceu na Eurocopa. Logo de pasar á segunda fase do campionato sen vencer sequera un partido, demostrou que o fútbol está para dar sorpresas e non só para facer que gañe o que aparentemente é mellor. Non se pode dicir un día, porque nos vai ben, que o fútbol é fútbol e ao día seguinte que non pode ser que non gañe o mellor, só porque quen gaña é o noso veciño pobre. Chámase envexa e fachenda.

Pero Francia logrou outra vitoria da que ninguén hoxe fala. Conseguiu que, logo de superados os incidentes entre seareiros dos primeiros días, e no medio de folgas e protestas (coa cidadania mobilizada pese ao pan e circo), a competición non fose obxecto da violencia terrorista que situaría ao continente ante unha vaga nunca vista de islamofobia alentada por esa outra relixión civil que é o fútbol. Un atentado viríalle moi ben a todos eses grupos que desexan que a convivencia e a paz a nivel europeo e a nivel mundial non sexan posibles, e que vivamos permanentemente baixo a vixilancia dos seus exércitos, da súa policía, das súas normas de conduta, das súas restricións á liberdade.

Debemos agradecer a Francia esta vitoria silandeira porque é unha acción de defensa da liberdade individual e colectiva. E comezar a esixir este mesmo coidado da seguridade, ese traballo calado de defensa da vida das persoas, durante todos os días e para todos os territorios de Europa.

Repetir eleccións en Austria

 

Algunhas persoas pensan que a repetición das eleccións xerais en España é unha anomalía democrática. Máis ben a anomalía é a incapacidade para o diálogo, non o contexto de maior pluralidade e capacidade de elección que resultara das de decembro. Os novos resultados, por outra banda, tampouco veñen dar a razón nin aos que queren que sempre goberne a lista máis votadas (os nostálxicos dos sistemas maioritarios, non proporcionais, herdanza da democracia censitaria) nin aos que queren maior proporcionalidade, modificando as circunscricións (entre quen abundan os partidarios dunha nova centralización do Estado e os amigos do “gerrymandering”). Unha lectura máis fonda, máis coherente cos datos e non só coas ideoloxías, máis ben amosa unha crise de representación na que gaña só quen consegue lexitimidade diante do seu público, aínda que os seus feitos por veces sexan contrarios a calquera ética civil que poidamos subscribir. Deberíamos discutir sobre representación e lexitimidade, máis que sobre eleccións.

Pero as eleccións que hoxe me preocupan son as de Austria. Dixen hai meses que coa crise das persoas refuxiadas, a Europa da solidariedade comezara a perder espazos públicos fronte aos predicadores do odio e da desconfianza. O Brexit foi un éxito para eles, e non para os partidarios da solidariedade. Non porque non teña outras lecturas, senón porque foron eses dous discursos públicos os que se enfrontaron.  Tanto que aos partidarios da permanencia non lles chegou co apoio dos partidarios da globalización financeira: no bando contrario os do Brexit responderon que esa, a financeira si, pero a globalización da cidadanía e da liberdade para transitar e residir, desde logo non.

E agora chega este terceiro acto, coa dereita autoritaria de inspiración fascista conseguindo folgos para un segundo asalto á presidencia da República de Austria. Continúa o pesadelo!

Si a outra Europa -Jo Cox in memoriam

Jo Cox 1056419

Veño de Ipswich, no Este de Inglaterra, de participar nun encontro do proxecto Elaine sobre Concellos e Participación das persoas migrantes (incluídas as refuxiadas) na construción de Europa. As anfitrioas, británicas, demostraran que o Reino Unido pode ser unha sociedade aberta e tolerante. Ducias de voluntarias e voluntarios, clases gratuítas de inglés, asesoramento legal, busca de emprego, mediación en conflitos de vivenda ou de convivencia, apertura de espazos de participación e de convivencia… Contábano os seus protagonistas, mulleres e homes dispostos para a acollida, mulleres e homes que sentiran a acollida e que estaban a participar en que a cadea da fraternidade continuase.

E, no retorno, o asasinato de Jo Cox, en nome da Gran Bretaña, en nome do odio ao diferente, en nome dos valados e das fronteiras, en nome da exclusión do estranxeiro e de construír unha vida que pretende dar as costas aos pobos empobrecidos desde unha torre de marfil.

Na súa memoria, hai que continuar militando día a día na utopía de construír, en Europa e no mundo, espazos de convivencia e de inclusión.


Quando um defensor do Brexit decide matar, em quem vais votar?

brexit_reuters

Jo Cox: We Will Fight for Love

jocox9

A %d blogueros les gusta esto: