Cincuenta

Éncheme o peito unha mestura de agradecemento, saudade e gozo: Van alá cincuenta, outros tantos xa non virán! Nin falta que fan! Nesta Terra do Solpor en que camiño, a tarde comezou a alongar as nosas sombras. Por ela agrada o mar, por min a terra. Cómpre ánimo renovado, a ilusión do día primeiro, gozar da simplicidade da vida e da súa ledicia!

E, para renovar o ánimo, nada mellor que volver a vista atrás, deixando que o pouso acedo da saudade deite o seu agraz na gorxa, para completar o sabor intenso dunha xornada longa. Pero non permitir que o padal fique nesa sensación necesaria e pracenteira. Hai que revivir aquel recendo forte dos días de camaradería, de soños e de conquistas, dos días do amor e da paixón, dos días en que os pasos do camiño andaban no rumbo certo.

E logo, estender o dedos para tocar por vez primeira o mundo. Usar as palabras para crear con elas un lugar habitable baixo o ceo. Saber mirarte, sabendo que estiveches sempre aí, coa certeza de non acabar aínda de descubrirte, de comezar a gozar contigo a vida…

¿Por que Irlanda ten a demografía máis dinámica da Unión Europea?

Orixe: ¿Por que Irlanda ten a demografía máis dinámica da Unión Europea?

O profesor Patrick 0´Flanagan da University College Cork na conferencia impartida na USC o pasado 14 de marzo de 2016 estableceu unha relación directa entre economía, mercado de traballo e dinámica demográfica en Irlanda. Deixou constancia de que a poboación irlandesa é xoven e a súa economía é capaz de xerar a maior renda por habitante da Unión Europea cos 41.000 euros per cápita frente aos 20.000 de Galicia. Presentou as políticas de desenvolvemento rexional dun organismo público especializado no tema chamado “IDA” (Industrial Development Authority) que dende o 1958 xestiona 50 oficinas distribuidas por diversos países co fin de promover os investimentos e as actividades comerciais con Irlanda; amais de ser responsable da planificación do desenvolvemento económico e estratéxico. A fecundidade de 2 fillos por muller é a maior de Europa e as taxas de desemprego están arredor do 8% e todo isto a pesares da crise económica experimentada dende o 2009.

 

Destacou que Irlanda é un país cunha grande diversidade étnica onde o 11% da súa poboación procede de diversos países e culturas e ten sido tradicionalmente un país de acollida así como de emigración. Galicia se sitúa no extremo oposto pois somente o 3% da súa poboación actual é inmigrante, está a perder habitantes de forma contínua e o seu marcado de traballo non é quen de frear o éxodo dos xóvenes cara o exterior.

Carnaval en Brasil — GUERRA ETERNA

É posible que a decepción polos escándalos de corrupción que afecta ao PT de Lula e Dilma leven a facer un xuízo benevolente do proceso de destitución da presidenta. Pero nun país onde alguén pode saír á tribuna de oradores do parlamento e defender o golpe militar e os torturadores de 1964, para facer escarnio dunha presidenta que daquela foi torturada polos inimigos do pobo, ninguén debería simpatizar cos manexos dos corruptos Cunha e Temer para facerse co poder…

La Cámara de Diputados brasileña votó en la noche del domingo el inicio del proceso de destitución de la presidenta Dilma Rousseff. La sesión duró siete horas y en el momento de la votación cada diputado tenía derecho a una breve intervención para explicar su decisión. Como por ejemplo: “Por el cumpleaños de mi nieta”.…

via Carnaval en Brasil — GUERRA ETERNA

Conflito, mediación e intervención policial

faro-chapela-3234234-18_g
Foto: Faro de Vigo

Onte, 12 de abril de 2016, foi un mal día para a comunidade xitana de Galicia. Quen se postulara durante máis dunha década como o lexítimo representante do pobo xitano de Galicia foi detido xunto con outros membros da súa familia no curso dunha enorme operación das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado por cousa dun conflito entre xitanos.

Sinaí Jiménez foi a cabeza visible de entidades como a Asociación Pueblo Gitano de Galicia ou, máis recentemente, Sociedad Gitana de Galicia. Pero, máis alá das súas actividades asociativas, a súa pretensión era representar a todas as persoas xitanas que residen en Galicia, sen distinción da súa procedencia (aínda que as súas relacións cos ciganos portugueses e cos romaneses son escasas). Mesmo chegou a empregar en público o título de “príncipe dos xitanos”. Os medios de comunicación fixéronse insistentemente eco destas afirmacións.

Será necesario reflexionar sobre as relacións entre este tipo de afirmacións públicas e a súa utilización por parte dos Medios. Sen esa reflexión ningunha campaña sobre #telebasura pode ter o adecuado fundamento.

Sen embargo, hoxe quero chamar a atención sobre a dificultade da mediación en contextos de conflito interno dunha minoría cultural, como é o caso que nos ocupa.

Hai unha aproximación de tipo étnico que afirma que son cousas entre xitanos, e que o resto non deben meterse, que os propios xitanos teñen os seus códigos e as súas normas para dirimir este tipo de conflitos. A realidade é que existen pautas culturais asumidas polas persoas xitanas que permiten unha arbitraxe razoable en caso de que os intereses de diferentes partes se enfronten nun contexto pacífico. Pero non é menos real que esas formas de arranxo internas teñen unha escasa efectividade cando o enfrontamento contén un nivel elevado de tensión. Para o caso que nos ocupa, isto estaba claro desde que apareceron as primeiras mostras de violencia, e vai alá anos.

Algunhas entidades sociais de carácter intercultural postuláronse durante anos como mediadoras. Sen embargo, durante o último lustro a penas houbo ningún intento de realizar unha mediación eficaz en contextos de conflito entre xitanos. Parece que a mediación servía para as relacións entre a sociedade maioritaria e as minorías, pero que non era de aplicación entre as propias minorías. Resultaría oportuno que os membros desas entidades realizásemos unha autocrítica a este respecto, comezando por aquelas entidades máis grandes, con máis recursos e con máis presenza institucional.

Por último, queda a mediación realizada pola fiscalía. O papel do Ministerio Público non cadra ben coa mediación, porque está máis relacionado con realizar unha acusación. Pero sería perfectamente asumible se ambas partes respectasen os acordos tomados. Unha vez que se denuncian incumprimentos, sexa isto unha realidade ou non, a fiscalía debería actuar de oficio e abrir dilixencias. O feito de que non o fixese debilita o rol da mediación.

Visto o resultado final, o asalto do domicilio de Olegario Jiménez e dos seus fillos en Tomiño, considero que existía a posibilidade de ter apelado a unha mediación imparcial e extraxudicial. E que vai sendo hora de que pensemos na necesidade de colaborar entre o mundo da avogacía e o mundo das organizacións sociais para ofrecer sistemas máis complexos de mediación que poidan ser aceptadas polas partes en conflito.

Ora ben, nunca debemos perder de vista que, cando se trata de delictos, non hai máis remedio que acudir á xustiza ordinaria. É certo que os xitanos, en ambos bandos, continúan dicindo que iso non se pode facer, que atenta contra a súa forma de resolver os seus asuntos. Pero cando está en risco a integridade física das persoas, a sociedade ten a obriga de impoñer a súa forma de resolver os conflitos, e as minorías teñen obriga de acatar esas formas institucionais de facer. Se teñen defectos, haberá que denuncialos e tratar de cambiar o que teñan de inxustas as leis. Pero a agresión, a lei do máis forte e a vinganza non son as formas que queremos para resolver os problemas, nin entre as minorías nin para a maioría social.

Que bonito é Panamá

51eiFm6rZ-LEn 1978 o escritor alemán Janosch publicou a súa obra Oh, wie schön ist Panama (Oh, que fermoso é Panamá) un conto infantil no que os seus protagonistas, Oso e Tigre, saen á procura da terra dos seus soños. Na fábula, logo de percorrer a súa bisbarra e atopar outros animais e facelos partícipes da súa busca, regresan ao punto de partida, pero convencidos de que chegaron a Panamá a terra dos seus soños.

Os papeis de Panamá amosan que a procura dun paraíso soñado que coincida co propio fogar pero que apareza transfigurado por unha completa exención fiscal é un soño compartido por políticos, millonarios, famosos e criminais.

Que lonxe estamos das prédicas fundacionais do liberalismo no que o diñeiro equivale ao traballo, convertido nun valor de cambio; e de que o capital está ao servizo da creación de emprego e de riqueza dos países. No capitalismo global o que contan son os beneficios empresariais e, por que non, os individuais. Pero calquera participación nun esforzo colectivo e compartido aparece como un atranco que cómpre superar. É a negación de calquera forma de solidariedade. E non pensemos que solidariedade é unha forma de chamar ao sentimentalismo. Estamos falando daquilo que nos fixo humanos e nos mantén como humanos: a capacidade de construír colectivamente un fogar no que sentirnos seguros e desde o que proxectar o noso futuro persoas e social.

Unha bomba en Lahore

72 MUERTOS EN EL ATENTADO SUICIDA DEL PARQUE DE PAKISTÁNEstiven onte con dous homes nados en Lahore. Un estivo alá no outono e o outro volveu aínda no mes de marzo desde o Punjab para Galicia. Falamos brevemente dos atentados e da situación xeral do país. Eles insistían en que os feitos acontecidos na súa cidade non eran tan diferentes dos ocorridos en Bélxica: unha minoría atentando contra a convivencia da maioría. Os autores eran identificados como axentes estranxeiros, pola conexión entre Jamaat-ul-Ahrar (escindido do Movemento Talibán de Paquistán) e os talibáns de Afganistán. O comunicado do grupo armado, afirmando que chegaran ao Punjab para quedarse, reforza esa filiación foránea. Para eles non era signi
ficativo o feito de que o atentado estivese dirixido contra a minoría cristiá que celebraba a Pascua aquela tarde, porque a maioría de vítimas, unha vez máis, foron musulmanas.

Os feitos que hai relativamente poucos anos ficaban moi lonxe, hoxe son tremendamente próximos. Afectan a persoas das que te separan tres ou catros elos de relación social. Falar con persoas que coñecen os escenarios e as xentes que sofren os golpes da guerra ou do terror fan máis humanos e menos mediáticos os feitos. Dálles unha dimensión de proximidade e de afectación que de outro xeito non terían.

Por iso carece de sentido seguir informando e reflexionando como se a violencia do mundo en que vivimos tivese lugar nun mundo no que as fronteiras políticas configuraban a convivencia a todos os niveis. No mundo globalizado, o terror non ten máis fronteiras que a dor das vítimas e a nosa capacidade de empatía con elas.

A crise dos refuxiados e a desintegración europea

Resulta altamente probable que nas próximas horas os xefes de Estado e de goberno da Unión Europea (o Consello da Unión) aprobe un acordo para devolve a Turquía á maioría dos refuxiados que crucen a Lesbos. O Parlamento, con maioría do Partido Popular Europeo e do Partido Socialista Europeo, xa rexeitou o acordo, na forma en que se coñecía. Se o sistema representativo funcionase de forma verdadeiramente democrática, a voz do Parlamento sería suficiente para que os gobernantes non se atrevesen a contradicir a voz do pobo. Pero a Unión Europea ten un serio problema para facer convivir a voz da cidadanía no seu nivel agregado e as formas de Soberanía Nacional que perviven e que ameazan co esgazar e mesmo esfarelar a Unión.

Por outra banda, tampouco podemos enganarnos sobre as pretensións dunha parte moi importante da cidadanía europea, esa que vota por forzas xenófobas, autoritarias e criptofascistas, esa que trata por todos os medios de impedir que avance a integración rexional e que propoñen erguer muros de separación entre os propios europeos e mesmo entre os propios nacionais, para segregar aos puros dos hirsutos. A correlación de forzas entre quen pensamos en claves de convivencia e os que o fan en clave de segregación comeza a asustar.

O problema é máis grave en canto que Turquía non é un país neutral na guerra de Siria, nin está na mesma liña que certas potencias europeas como Francia. Só que as desavinzas existentes, que son ben grandes, fican tapadas polo paraugas da OTAN. É importante defender as alianzas militares, mesmo cando sabemos que non están servindo para nada en Siria, salvo para facer máis complicada aínda unha saída puramente interna. Así, ninguén vai parar a máquina de guerra de Arabia, nin a de Turquía; e ninguén ten forza moral para parar a máquina de guerra de Rusia, que marcha hoxe e volverá cando lle interese. Devolver á xente a un país belixerante vai contra o dereito ao asilo. E compromete a memoria fundacional da Unión Europea, na que o compromiso de que a guerra non volva a Europa está relacionado cunha defensa incondicional dos Dereitos Humanos fronte á violencia. Con outras palabras: a Europa Unida é un soño fronte ao retorno do fascismo e da guerra. Entregar aos refuxiados de novo á guerra é traizoar aos millóns de mortos da II Guerra Mundial, traizoar a memoria das nosas vítimas, estivésemos no bando en que estivésemos.

Engadir este novo problema ao creado cos rescates dos países do Sur, que se pretendeu resolver coa humillación de Grecia, e ao problema creado coas cesións ao Reino Unido, que converten á Europa nun club financeiro, pero afastan o camiño da unidade, significa aceptar a descomposición das bases morais do soño dunha Europa Unida como un paso necesario para unha humanidade unida.

Un homicidio en Marín con implicados do Vao

A morte do propietario dun Cíber en Marín, provocada polos golpes propinado por tres individuos do Vao, dous maiores de idade e un menor, debe ser unha chamada de atención para evitar que estes feitos se reproduzan, con resultado de morte, e tamén que a marxinalidade reproduza formas de exclusión social que leven a comportamentos desviados.

A pesar do que contara a prensa no seu día, afortunadamente moderada no tratamento da noticia, os sucesos non foron fortuítos. Os tres implicados non só acudiran ao local co obxecto de gravar un CD, ao que se negou o propietario, por consideralo unha actividade ilegal. Non podemos descartar que no rexeitamento houbese algún matiz de discriminación. Pero tamén debemos consignar que os implicados acudían cun puño americano, arma branca considerada perigosa e que non se utiliza fóra de contextos de violencia urbana, nas súas diversas formas.

Quero chamar a atención sobre a ausencia de itinerarios de socialización que afectan especialmente á mocidade máis excluída, e que leva a considerar a violencia como unha forma de estar no mundo e de relacionarse con outras persoas que, en ningún caso, serán consideradas como iguais. Falamos dunha ausencia absoluta de empatía respecto do outro, que é considerado como un agresor, pero non como un igual, en calquera caso como un inimigo susceptible de ser eliminado. O feito que describimos só pode ser analizado en toda a súa gravidade social se consideramos esta ausencia de horizontes positivos e esta ausencia total dunha ética relativa ao respecto á integridade das persoas e, en último termo, á vida humana como tal. Trátase dunha agresión na que os agresores son máis (tres contra un), son máis fortes e son moito máis novos (o agredido tiña 61 anos). O resultado de morte non é buscado directamente pola agresión, pero é unha consecuencia coherente coa natureza da mesma.

Agora a xustiza debe seguir o seu curso e, na medida do posible, evitar que se repitan sucesos como estes. Pero as posibles penas de prisión non son suficientes para establecer as bases dunha convivencia pacífica en casos como estes. Resulta urxente a desaparición física do asentamento do Vao, que a presión veciñal e a falta de valentía das administracións públicas fixo imposible hai agora unha década, cando houbo oportunidade de abordala.

E resulta necesario ofrecer alternativas de socialización positiva a toda unha xeración de xente nova abocada ao desemprego e a formas de ocio que non sempre rematan nunha simple diversión.

Non só por esta xente, que realmente precisa dunha oportunidade. Tamén pola memoria das vítimas.

A %d blogueros les gusta esto: