Coida o planeta

(Sobre a saída de EEUU do Acordo do Clima de París)

Paris-Deal-Trump

O pasado día 1, o presidente dos Estados Unidos de América anunciou solemnemente que o seu país abandona o Acordo de París sobre o cambio climático. Unha pésima noticia para o futuro do planeta. Pero unha boa nova para a xente que pensa que o fascismo do século XXI pode se unha boa solución para os problemas da xente. Abonda con enfrontar os intereses da clase traballadora do propio país coas desfeitas da globalización para obter a aprobación da xente desesperada polas consecuencias duns cambios que están a poñer en risco as conquistas sociais dos últimos douscentos anos.

Coido que a peor decisión que podemos tomar é aceptar que só queda abrazar o mesianismo do presidente norteamericano ou profesar a nosa fe no seu opoñente máis vigoroso, o novo presidente francés, Enmanuel Macron. Defendín que na disxuntiva entre o (novo) fascismo francés, representando por Marine Lepen, e o liberalismo de novo corte, personificado en Macron, non había lugar para a abstención, que cumpría mobilizarse para salvar á democracia e salvar a Europa. Tamén estou disposto a defender que a ética pública do presidente francés, tentando unir ao mundo arredor do acordo de París, é unha postura necesaria para o futuro da vida sobre a terra.

Pero estamos no momento en que é preciso unha mobilización xeral das persoas que pensamos que a forma de desenvolvemento actual vai levar ao colapso. E que as medidas paliativas tomadas ata o momento son insuficientes para garantir a supervivencia das nosas fillas e netas; unha mobilización na que o coidado do planeta sexa unha actividade cotiá, pero tamén unha militancia capaz de crear unha nova conciencia social e política, moito máis consciente dos nosos límites e das nosas responsabilidades.

Advertisements

Crea un sitio web ou un blogue de balde en WordPress.com.

Up ↑

%d bloggers like this: