Fronte ás mentiras de quen afirmou que o castelán estaba discriminado en Galicia, están as evidencias sociolóxicas e financeiras da discriminación do galego. A penúltima coñecida é que as subvencións aos Medios de Comunicación en castelán multiplican por nove as recibidas polos medios en Galego (sen contar a publicidade institucional). A disparidade é tan grande que non hai que preguntarse moito máis sobre a discriminación económica da lingua.
Pero a última, dá para unha reflexión sobre as formas de discriminación múltiples, que pensabamos que estaban confinadas ao ámbito específico das minorías. Abonda con que un rapaz naza fóra de España e que presente o padrón en galego para que non poida xogar ao fútbol federado aquí. Ven de contalo o Faro de Vigo. A dobre discriminación neste caso é polo país de nacemento e pola lingua, neste caso por unha lingua que debería ter carácter de co-oficial, pero non acada os mínimos de normalización institucional que permitan convivir en igualdade.