Os lumes de onte

Es fin de semana todo, pero especialmente a xornada do domingo, reavivaron a miña visión de que formamos parte do mesmo ecosistema de Predrogao Grande.

Non faltaron horas de pánico, nin mortos, nin desinformación da poboación nin certa descoordenación entre os equipos de emerxencia, por outra banda un enorme exemplo de profesionalidade e de servizo público.

Falta, iso si, unha revisión das nosas políticas forestais, da relación entre as especies pirófilas e o lume nos montes, da nosa relación coa terra que nos sustenta.

O-lume-desde-Meira

Advertisements

Zulueta

falece-zuluetaSen dúbida, Alfonso Zulueta  de Haz foi un dos bos e xenerosos. Unha estirpe de persoas das que ningunha sobra.

Na miña necrolóxica só dúas notas: ademais da súa coñecidísima faceta de impulsor de iniciativas culturais, foi un alicerce das entidades sociais de Galicia. Impulsor dunha das máis antigas asociacións de persoas con discapacidade intelectual e os seus familiares, a Asociación Juan XXIII de Pontevedra, creou tamén a primeira entidade social do país especializada na tutela de persoas adultas, a Fundación Sálvora. A tutela de persoas adultas é unha realidade crecente na nosa sociedade, en especial pola perda de facultades intelectuais da xente máis maior, pero tamén pola supervivencia crecente de persoas que nacen con discapacidades que imposibilitan unha vida adulta autónoma. Fan falta iniciativas como estas de Zulueta para vertebrar os problemas sociais do país e darlles voz ante o conxunto da sociedade, para dar esperanza ás persoas e ás familias, para camiñar xuntos.

O outro aspecto que quero destacar é que Zulueta foi un convencido da normalización lingüística. En demasiadas ocasións a xente evita cargar cos esforzos da normalización e trata de que sexa o Estado (encarnado na Xunta de Galicia) quen asuma o protagonismo do proceso. Zulueta, como home de leis, era ben consciente de que as leis deben acompañar o proceso social; sen elas, perdemos dereitos e perdemos falantes cada día. Pero o Estado non pode substituír a vontade de existencia cultural da xente, do pobo, de cada quen. Se aínda somos galegos é por obra do idioma,… non da Xunta de Galicia. Coincidín con Zulueta nunha sinatura masiva dun testamento a prol do galego nas exequias. Esta iniciativa súa compromete á familia de cada unha das persoas que asinamos a que se despidan de nós cun acto de despedida oficiado en galego. O documento tamén compromete aos oficiantes. Zulueta, como crente, tiña a vontade firme de impoñer ao crego que oficiase o seu funeral o idioma no que dirixirse aos presentes, ao defunto ausente e ao mesmo Deus, que na utopía do notario pontevedrés afincado en Vigo, estará a eternidade toda a cantar e contarlle contos en galego.

Parados en outubro

A situación de desemprego en Galicia pecha outubro con datos moi ambiguos, que sen ser de todo malos, non acaban de ser bos para ninguén.

O Goberno do País prefire ver o lado positivo da situación e afirma, con razón, que o paro rexistrado é agora menor que hai un ano. Concretamente, deuse un descenso do paro rexistrado do 9,02%, 24.181 persoas. Pero, o que aínda é mellor noticia é que o número de persoas afiliadas á Seguridade Social medrou en 11.428 desde outubro de 2013 a outubro de 2014. Son menos as novas afiliacións que as baixas nas listas do desemprego. Só que resulta un valor máis fiable.

No conxunto do Estado, tamén hai valores positivos: medra a afiliación á Seguridade Social entre setembro e outubro de 2014. Por suposto, tamén medra a afiliación en comparación co pasado ano, con 330.147 afiliados máis de media (cun incremento do 2,02%). Curiosamente, a pesar de que medra o desemprego respecto do mes de setembro deste ano, a afiliación á Seguridade Social tamén é maior, con 28.817 afiliados máis de media durante o mes que ven de rematar.

Sen embargo, o paro rexistrado en España volve ser superior a 4 millóns e medio de persoas, maior que o existente cando Rajoy chegou á Moncloa. E a afiliación á Seguridade Social rexistra 558.010 afiliados menos que en novembro de 2011. Estes dous datos dan conta da debilidade do proceso de recuperación económica e de creación de emprego. Hai boas novas; pero insuficientes para a maioría das persoas afectadas pola crise. Para paliar os seus efectos, está a cobertura das prestacións por desemprego. Pero a taxa de cobertura caeu un 12,1% durante o último ano, pasando do 60,74% ao 57,07%.

No caso de Galicia, se as noticias boas situaban á nosa terra na cabeza da redución anual do desemprego rexistrado, nas malas noticias tamén vai por diante. A afiliación á Seguridade Social en comparación co mes de setembro diminúe en vez de aumentar, cunha perda de 3.909 persoas respecto do mes anterior. Mesmo así, hai 11.500 persoas máis traballando que hai un ano (cun incremento do 1,25%, claramente inferior á media nacional). O desemprego rexistrado increméntase no 2,45% fronte ao 1,78% da media nacional. Acaso o mellor resume sexa o de Praza Pública: O paro volve subir en Galicia mentres segue a destrución de postos de traballo, aínda que habería que matizar esa destrución na perspectiva anual.

Ora ben, despois de tantos datos fica a pregunta: Que está a pasar no mercado de traballo en Galicia? Que podemos agardar para os vindeiros meses? Pois parece que veremos unha evolución positiva do emprego, sempre en termos de comparación anual. Pero seguiremos lonxe de ter unha taxa de actividade propia dun país moderno (actualmente é do 53,9% segundo o IGE, mentres que en Europa é do 57,6%). E o desemprego continuará sendo unha realidade cotiá para unha de cada cinco persoas que queiran traballar.

Diminúe a poboación activa (creamos emprego?)

Hai unhas semanas facíame eco das análises do número de horas traballadas en España durante o último ano. Os datos amosan unha devaluación salarial moi forte, relacionada cun reparto do emprego fundada na precariedade. O risco desta estratexia é claro: un incremento do número de traballadoras e traballadores pobres e unha diminución da capacidade de consumo, non só de bens, senón tamén de servizos. Non nos enganemos: o consumo de bens non pode medrar indefinidamente no medio da crise ecolóxica en que estamos inmersos. Pero a activación laboral baseada nos servizos debería dar oportunidades para o emprego e para a estabilidade económica.
Hoxe o eco é para a diminución da poboación activa. Para unha converxencia real con Europa, Galicia precisa unha expansión da xente que pode e quere traballar. Sen embargo, a situación que estamos a vivir, especialmente entre a xente nova, é que cada día hai menos persoas que poidan e queran traballar:

Poboación activa 2014
http://praza.gal/economia/7740/menos-paro-pero-non-mais-traballo-na-suposta-saida-da-crise/
Deberíamos actuarr con urxencia para devolver ao noso país ao camiño da normalidade.
Admítense ideas para o debate e inciativas para a acción!

Blog en WordPress.com.

Up ↑

%d bloggers like this: