Morrer de fame en Canarias

Leo, con retraso, a nova da morte dun matrimonio de xente maior en Canarias. Os medios de comunicación convencionais recollen a noticia e fanse eco da causa da morte: inanición. Nun blog alternativo chámaselle ao mesmo feito por outro nome: fame.

Vivenda de Jacinto e Blanca. Foto Eldiario.es
Vivenda de Jacinto e Blanca. Foto Eldiario.es

Non é unha diferenza puramente léxica, non é a escolla dunha palabra. Hai unha diferenza semántica. A fame fai referencia a unha carencia continuada que afecta á nutrición e que, sostida no tempo, leva á morte. Inanición implica desventura. Fame implica privación e, nas nosas sociedades opulentas, implica inxustiza.

Para min, non hai dúbida de que, ademais de inanición, estamos ante un caso de fame e, por tanto, dunha inxustiza. Ora ben, convén atender á natureza da inxustiza para evitar que se reproduza, porque a vida non a podemos devolver.

Desde o meu punto de vista no noso contexto social a razón da fame é a exclusión social e non simplemente a pobreza. A privación material non é tan severa que conduza á morte (e xa mantiven esta óptica cando morrera un menor en Ponteareas xa hai anos e por razóns similares). É importante esta referencia, porque daquela non comezara a crise, e había xente que quixo apuntar daquela á responsabilidade dos Servizos Sociais. Agora, coa crise, téntase poñer o foco na inxustiza estrutural. A sociedade era xa profundamente inxusta entón. E os servizos sociais tamén poden ter algún tipo de responsabilidade hoxe. Pero a exclusión social non é un fenómeno creado polos Servizos Sociais. Os problemas derivados da falta de vínculos sociais e da ausencia dunha rede de axuda mutua (cando non existe familia próxima que poda axudar, como nos casos que estamos a comentar), só poden ser abordados de forma cabal por outros vínculos comunitarios que acheguen un apoio suficiente para evitar un desenlace fatal.

Por suposto que os recursos están distribuídos de forma inxusta. Pero a diferenza entre este matrimonio que acaba morrendo de fame e outras moitas parellas que viven de pensións exiguas está no tipo de relacións familiares e sociais que mantiñan. Moitas outras persoas sofren precariedade económica e privacións materiais. Pero a fame, neste caso, chega da man do illamento social. Por iso, hai que insistir en que unha sociedade non só é inxusta cando distribúe mal a riqueza. Senón que tamén o é cando non é capaz de mirar polos seus membros máis débiles, desde o punto de vista da cobertura das necesidades humanas de alimento, vestido, vivenda, pertenza e afecto. Perdidas estas dúas últimas, os nosos protagonistas, por causa da idade e das privacións, víronse sen posibilidades sociais de cubrir a primeira e máis básica.

Cando o individualismo e a despersonalización levan a facer fráxiles as relacións de proximidade que daban lugar ás antigas comunidades, é necesario recrear a solidariedade en condicións sociais, imparciais e accesibles a calquera persoa. E iso debe incluír tamén unha dose de pertenza e de afecto que evite morrer de fame en lugares onde sobra comida, mesmo comida que está dispoñible de balde para persoas sen recursos.

Advertisements

Novas achegas para comprender a exclusión na nosa contorna

Como estaba previsto, este fin de outubro trae unha manchea de novas importantes arredor da pobreza e a exclusión social na nosa contorna.

Os menores e a recesiónHai dous días chegaba o informe de UNICEF, titulado Os nenos e a recesión: como afecta a crise aos nenos nos países ricos. Lonxe do rol asinado tradicionalmente a este tipo de organismos de carácter internacional, o informe non fuxe de aspectos que os gobernos consideran polémicos. O máis importante deles é que os recortes nos orzamentos teñen un impacto negativo nas nenas e nenos, especialmente nos países mediterráneos. No caso de España, estamos a falar dunha década enteira perdida. Entre nós, AGAMME faise eco da nova e resume algúns dos seus datos máis salientables.

A continuación sen tempo de analizar a fondo a información fornecida por UNICEF, Intermón – Oxfam afirma hoxe que “o número de milmillonarios se duplica durante a crise mentres a desigualdade alcanza niveles extremos”. E propón que reaccionemos como sociedade, tanto a nivel local como global, cun informe cuxo título convida ao inconformismo e á acción: “Iguais. Acabemos coa desigualdade extrema. É hora de cambiar as regras”.

E mañá remata en Madrid o Congreso da Fundación FOESSA sobre Exclusión e Desenvolvemento Social en España, onde se están a analizar os datos do último informe FOESSA, que describe unha sociedade esgazada. Á espera de ir debullando algúns dos seus contidos, paga a pena visitar o seu resume en dez gráficas, das que destaco a involución dos niveis de integración social: ese retroceso desde o 50% ao 34,1% (da metade a un terzo) da poboación plenamente integrada, e o avance desde o 16,3% ao 25,1% da zona de exclusión, cunha crecente integración precaria.

Blog en WordPress.com.

Up ↑

%d bloggers like this: