Zulueta

falece-zuluetaSen dúbida, Alfonso Zulueta  de Haz foi un dos bos e xenerosos. Unha estirpe de persoas das que ningunha sobra.

Na miña necrolóxica só dúas notas: ademais da súa coñecidísima faceta de impulsor de iniciativas culturais, foi un alicerce das entidades sociais de Galicia. Impulsor dunha das máis antigas asociacións de persoas con discapacidade intelectual e os seus familiares, a Asociación Juan XXIII de Pontevedra, creou tamén a primeira entidade social do país especializada na tutela de persoas adultas, a Fundación Sálvora. A tutela de persoas adultas é unha realidade crecente na nosa sociedade, en especial pola perda de facultades intelectuais da xente máis maior, pero tamén pola supervivencia crecente de persoas que nacen con discapacidades que imposibilitan unha vida adulta autónoma. Fan falta iniciativas como estas de Zulueta para vertebrar os problemas sociais do país e darlles voz ante o conxunto da sociedade, para dar esperanza ás persoas e ás familias, para camiñar xuntos.

O outro aspecto que quero destacar é que Zulueta foi un convencido da normalización lingüística. En demasiadas ocasións a xente evita cargar cos esforzos da normalización e trata de que sexa o Estado (encarnado na Xunta de Galicia) quen asuma o protagonismo do proceso. Zulueta, como home de leis, era ben consciente de que as leis deben acompañar o proceso social; sen elas, perdemos dereitos e perdemos falantes cada día. Pero o Estado non pode substituír a vontade de existencia cultural da xente, do pobo, de cada quen. Se aínda somos galegos é por obra do idioma,… non da Xunta de Galicia. Coincidín con Zulueta nunha sinatura masiva dun testamento a prol do galego nas exequias. Esta iniciativa súa compromete á familia de cada unha das persoas que asinamos a que se despidan de nós cun acto de despedida oficiado en galego. O documento tamén compromete aos oficiantes. Zulueta, como crente, tiña a vontade firme de impoñer ao crego que oficiase o seu funeral o idioma no que dirixirse aos presentes, ao defunto ausente e ao mesmo Deus, que na utopía do notario pontevedrés afincado en Vigo, estará a eternidade toda a cantar e contarlle contos en galego.

Advertisements

Crea un sitio web ou un blogue de balde en WordPress.com.

Up ↑

%d bloggers like this: