Que se maten entre eles!

Unha das formas máis preocupantes de discriminación (e tamén, en certo modo, se xenofobia), é a que se disfraza de tolerancia, desde a distancia e o desapego. A súa expresión máis cumprida é: “que se maten entre eles”. E fala da indiferenza respecto da sorte que poidan correr as vítimas dentro das minorías étnicas. Elas non son obxecto de preocupación, porque a regulación dos conflitos, en vez de encomendarse ao imperio da lei (nos Estados de Dereito) e aos Dereitos Humanos (en calquera caso), van por conta das regras de xogo que se supoñen inherentes ás dinámicas sociais e culturais diferenciadas das propias minorías.

Lembro unha reunión entre profesionais, non hai tanto tempo, en que tentabamos realizar unha mediación por un problema de malos tratos que ameazaba converterse nun problemas entre familias xitanas. E, aínda que non temos que lamentar un final lutuoso para a esta historia que conto (polo menos de momento), os acontecementos recentes deberían levarnos a tomar en serio a mediación profesional ante conflitos de tanta transcendencia para a vida das persoas. Sen embargo, a profesional a quen lle correspondía tomar as principais decisións sobre a posible intervención, declinou toda mediación coa seguinte afirmación: “que se maten entre eles; que sempre se acaban arranxando. Os xitanos son así”.

Agora, resulta que o de matarse é literal. E, por se era pouco, hai líderes de opinión (e mesmo autoproclamados líderes xitanos) que predican isto mesmo, só que desde un punto de vista diferente: para non matarnos, como mal menor, mandamos ao desterro a culpables e inocentes. Coido que é tempo de reaccionar. Esa indiferenza acaba sendo cómplice da lei do máis forte. Acaba facendo inevitable a dor da vítima, porque non a consideramos como alguén dos nosos, senón como un excedente humano que non debemos regular, senón que debe rexerse por normas propias. Só que, calquera reacción precisa de sensibilidade humana, de compromiso profesional e dunha imparcialidade que pretenda compensar as desigualdades, non perpetualas.

Deixar un comentario